Mostrando entradas con la etiqueta Día das Letras Galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día das Letras Galegas. Mostrar todas las entradas

domingo, 17 de mayo de 2015

Día das Letras Galegas 2015



Xosé Filgueira Valverde (1906-1996)

Seis Canciones de Mar "in modo antico" (1941)

1

Porque non seca a morte a fonte das cantigas
eu vos chamo, segreles, que veñades cantar
onde os verdes loureiros gardan vellas ermidas,
cabo das sabias ondas sulcadas do luar,
das insuas da ribeira nun antigo lugar,
¡San Cremenço do mar!

Porque non tolla o frío o albre dos cantares
eu vos digo, rapazas, que vaiades bailar
onde os gayos loureiros quecen fríos fogares,
cabo das tolas ondas, cando o sol vai raiar,
das insuas da ribeira no máis ledo lugar,
¡San Cremenço do mar!


sábado, 17 de mayo de 2014

poeta Díaz Castro


deseño: Ezequiel Alonso Valcárcel

Nimbos

Se é que o poema é só un nimbo de lus

que os ollos cegos póñenlles ás cousas

soñadas, ou amadas nas teebras,


das cousas que xa foron e se foron

pro siguen sendo e non se van xa máis,

das sombras que, xogando cos meus ollos,

na  miña vida en lume se enxeriron,


eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza

de rosas que onte encheron de perfume

o mundo, morto xove, dalgún soño.


Xosé María Díaz Castro, poeta

Día das Letras Galegas 2014

martes, 17 de mayo de 2011

Día das Letras Galegas 2011: LOIS PEREIRO (1958-1996)

foto: Vari Caramés
.
A voz máis lírica do nihilismo dos oitenta. O poeta secreto.
Un tráxico expresionismo dende a dor coporal ao compromiso xeracional.
.
Pero mellor deixemos que se presente el mesmo:
.
Lois Pereiro, DNI 14248884, nado en Monforte de Lemos o 16 de febreiro de 1958- Trinta e tres anos. Fillo de Manuel Rodrigo e Inés. Cabelos castaños-roxizos e algúns brancos. Ollos verdes ou grises, segunda a luz.
.
Extrema delgadeza, pómulos pronunciados, rostro longo e estreito. Nariz longo e lavres finos. Ollada inquedante e sombría.
.
Potencialmente perigoso, quizais só para si mesmo, e por ese motivo, tamén para o sistema. De tendencias libertarias, pero sen ideoloxía concreta ou definida. Polo de agora a súa obra é case exclusivamente poética, publicada en antoloxías ou revistas e distintas publicacións.
.
Os libros De amor e desamor I e II, unha antoloxía poética de ámbito estatal: Después de la modernidad. Poetas españoles en sus lenguas territoriales, de Julia Barella, e outros libros antolóxicos ou conmemorativos coma o de poemas premiados en tódalas edicións do Concurso de Poesía O Facho, etc?
.
A súa poesía manifesta a presencia do alento atlántico, pero sen alonxarse da Galicia interior, dentro da fonda tradición palpable nos bosques do Incio, de onde procede a súa familia, e forma parte da «patria da súa infancia».
.
Recolle as influencias asumidas e mitificadas de autores como Ezra Pound, Yeats ou Dylan Thomas.
.
Lois Pereiro define a súa loita co proceso de creación como «unha caída de si mesmo, un internamente no abismo, para logo reconstruírse, unha aprendizaxe en loita contra o insomnio».
.
«A poesía -dicía Conrad- é coñecer o Ser no fracaso».
.
.
Deixa un bico no espello
Onde arde a miña sombra pola noite
E que podrezan xuntas
A imaxe da túa ausencia,
Silueteada en roxo cos teus lavres,
E o perfil violento do meu soño
Que enxendra amor gris fume
Un odio carmesín
E na lengua e nos dentes
Sangue e semen
.
Atrocity Exhibition
“Poemas 1981-1991”
(Edicións Positivas 1992)
.
.
Da súa derradeira e máis persoal colección “Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995” (Edicións Positivas 1995):
.
Esvaise a dor e chega o soño

Agora creo que xa podería
pasear entre espíritos alleos
sen pisar os seus soños máis secretos.
Xa non sinto aquela dor inmóbil
que antes habitaba nas miñas noites,
despertando a unha das horas máis escuras
.
sendo consciente de que o día seguinte
non me traería nada moi distinto
do fracaso que me ía derretendo
co lume do inferno no que vivía.
.
.
Namorado outra vez
do amor que levo dentro
a sede enfurecida dun futuro
esgotou as miñas alternativas
levándome dereito cara ó impacto:
un proxectil conxelado no aire
a poucos metros dun corazón frío
e agardo o menor signo de calor
para abrir a súa pel e entrar no sangue
vencido pola forza do desexo
cegamente e sen medo
ó posible desastre.
.
.
Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte
.
Poesía fieramente humana, como o epitafio que el mesmo elixiu:
.
"Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar onde eu repouse,
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria".

lunes, 17 de mayo de 2010

Día das Letras Galegas 2010

Hoxe adicado a Uxío Novoneyra (1930-1999): o poeta da terra (do Courel), o poeta comprometido, o poeta auténtico, o poeta sensorial, o poeta poeta...


.

PORTA XORDA

Porta xorda cravada a forza que o pulo sabe!
Dente puño teso a premer valeiro!
Cando volva o vento
Serás ti Libertá ou soamente abalar de árbores?
Rota a corda que tempera a forza do sino
Un pobo enteiro rébrese no tempo
Folga Xeral contra da Historia.
Compría agouxarse en calquer ichó
Mais seguín fora a xistra
Velando norde estrela longa brillo atuido.
Alguén chama. Alguén agarda
Corazón tente
Sostén a gran nembranza.

.

COUSOS DO LOBO !

Cousos do lobo !
Caborcos do xabarín !
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d’ir !

O lobo! Os ollos o lombo do lobo !

Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca de vagoada máis sola e máis medosa…

Rastrexa
parase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula
ca noite na boca…

domingo, 17 de mayo de 2009

Día das Letras Galegas

O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas. A data escolleuse por coincidir coa publicación da primeira obra maestra da literatura galega contemporánea: Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (17 de maio de 1863). A Festa ten lugar dende 1963 e cada ano dedícase a un escritor xa desaparecido, sendo os tres primeiros homenaxeados Rosalía de Castro, Alfonso R. Castelao e Eduardo Pondal. Este ano o escollido é Ramón Piñeiro, filósofo, ensaísta e político lucense.
.
Sendo a Literatura unha das máximas expresións dunha cultura, a celebración pretende recoller “o latexo material da actividade intelectual galega”
.
Eu, como gusto de ir por libre, quero festexar este Día cun poema do poeta de Rianxo, Manuel Antonio (1900-1930):

Encol d’unha hora de paisaxe (1923)

O Poente
era unha hora de violedas
ferida de lanzas d’ouro.
Os pasos d’a sombra
xa petan preto d’as astraes
fenestras de vidros d’ouro.
Os vieiros
metidos
en longas cóbregas
comenzan a buscar o seu burato.
Van a romper os montes a galope
N-o canto d’a Lua
pintado de branco
hai un burato.
Teño sede de versos
A fontela corrixe as erratas
d’o seu poema.
N-o poente de mañán
con fíos e adoas d’auga
fun enfiando outro poema.
(O Poente
era unha hora de violedas
feridas con lanzas d’ouro)
Atopei un Alquimista
que quería facer terra
e non tiña mais que ouro...

sábado, 17 de mayo de 2008

Día das Letras Galegas (17 de maio)

Hoxe é festivo en toda Galicia. Celébrase un día adicado á nosa Literatura. A data escollida rememora un fito: tras tres séculos escuros, Rosalía de Castro publicaba “Cantares gallegos”, un poemario en galego.

Cada ano adícase esta festividade a un escritor na nosa lingua: sendo desta volta Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985) o homenaxeado.
.


OS ÁCIOS

¿Cánto dera eu agora por un ácio
daqueles que collíamos a furto
das parras encostadas
nas roíñas de Dona Mariquita!

Ácios de uvas douradas, brancas, mouras,
ateigadas de zumes e lembranzas,
que unha man silandeira
-a man do tempo-
nos puña cada outono diante os ollos
abertos á cobiza. ¡Ai, Deus, quén dera!

Qué dera agora, niste van pechado,
onde morren os libros
un pouco a cada intre no meu peito,
un ácio... Ben sabedes: ¡unha pinga
de terra feita mel, de terra terra,
nos beizos apertados dun neniño!

E tornar a sentir a leda anguria
aquila que nos daba, cando a noite
viña pousando amodo,
con fuxidías sombras de paxaros,
nas roíñas de Dona Mariquita.

(Isto estóu a querer, mentres cavilo
nun cativo que durme
xa pra sempre perdido no meu peito.)

¡Cánto dera eu agora por un ácio
que me levase cara o tempo morto!.

- Canle segredo (1954)

- Roseira do teu mencer (1950)